MONO, primeira confirmación do Esmorga Fest 2027

Setembro 16, 2026
A histórica formación xaponesa actuará en Sarria o 12 de febreiro dentro da súa xira europea de presentación de “Snowdrop”

A histórica formación xaponesa actuará en Sarria o venres 12 de febreiro, incorporando o Esmorga Fest á ruta europea coa que presentará o seu novo traballo, Snowdrop.

A xira levará a MONO durante varias semanas por algunhas das principais cidades e salas do continente, cun percorrido no que Sarria aparecerá entre grandes cidades europeas:

Berlín · Dresde · Múnic · Berna · Lyon · Barcelona · Valencia · Madrid · Lisboa · Porto · SARRIA · San Sebastián · París · Utrecht · Bruxelas · Londres.

MONO chegará a Galicia tras actuar en Porto o 11 de febreiro e, despois do seu concerto no Esmorga Fest, continuará a súa ruta cara a San Sebastián o día 13.

MÁIS DE 25 ANOS DE TRAXECTORIA

Formados en Tokio en 1999, MONO construíron ao longo de máis de 25 anos unha carreira internacional que os levou a actuar en máis de 60 países.

A súa combinación de rock instrumental, pasaxes atmosféricas e composicións de dimensión cinematográfica converteuse nunha identidade sonora propia, cun directo marcado polos contrastes entre momentos de enorme delicadeza e auténticas explosións de intensidade.

Entre os fitos da súa traxectoria figura a súa participación no Meltdown Festival de Londres en 2018, nunha edición comisariada por Robert Smith, líder de The Cure, que convidou persoalmente á banda a formar parte da programación.

Actualmente MONO está formado por Takaakira “Taka” Goto, Hideki “Yoda” Suematsu, Tamaki Kunishi e Dahm Majuri Cipolla.

“SNOWDROP”, NOVO DISCO E NOVA XIRA

MONO chegará ao Esmorga Fest presentando Snowdrop, o seu decimoterceiro álbum de estudo, publicado en 2026.

Producido por Brad Wood, o disco abre unha nova etapa para a formación tras o falecemento de Steve Albini, produtor e colaborador fundamental na historia discográfica da banda.

A parada de MONO en Sarria convértese así na primeira confirmación do cartel do Esmorga Fest 2027, que celebrará a súa XI edición os días 12 e 13 de febreiro.

Pronto, máis nomes.