Jonathan Míguez Vázquez, coñecido artisticamente como John Axiom, é un dos produtores e DJs máis polifacéticos da nosa escena. A súa música atravesou fronteiras e formatos: soou no cinema, con presenza na película The Counselor de Ridley Scott; no mundo da moda, acompañando desfiles de marcas como Adolfo Domínguez, Dame Àpres Paris ou Puma; e tamén en presentacións de festivais de prestixio como Moritz Feed Dog ou In-Edit Festival.

Pero neste caso chega en formato DJ, campo no que leva máis de 25 anos facendo viaxar as súas maletas por clubs e festivais de todo o mundo. Arxentina, Francia, Portugal, Aquasella, Fresh Weekend ou Lanna Club son só algúns dos escenarios que vibraron coas súas sesións épicas, sempre cargadas de personalidade e precisión.

Este outubro, no Esmorga Fest (17 e 18 de outubro), John Axiom achegarase cun set a vinilo, unha proposta única que promete conquistar a todos os presentes cunha viaxe sonora inesquecible.

Comparte