Grazas infinitas, esmorgueirxs!

octubre 21, 2025

Grazas por estes 10 anos de historia, de música e de emocións compartidas.

10 anos nos que fostes aparecendo, un a un, ata convertervos en «indestrutibles», dende o primeiro acorde ata o último baile.

Cando puxemos en marcha este proxecto alá polo 2015, non sabiamos canto tempo ía durar nin ata onde nos levaría.

Só tiñamos unha cousa clara: queriamos compartir convosco a nosa inquedanza musical e achegar á nosa terra propostas pouco habituais, diferentes, vivas. O que comezou como un pequeno soño entre amizades foi medrando edición tras edición ata converterse en algo moito máis grande. Porque, ao final, iso é o que significa Esmorga: celebrar, sentir, deixarse levar, vivir intensamente e facelo xuntxs.

E, por suposto, grazas a todas as bandas por poñerlle son, alma e corazón a esta tolemia compartida.

Ás que estiveron este ano, ás que o fixeron en calquera das 10 edicións, ás que confiaron nun festival pequeno e se subiron ao escenario sen saber moi ben que era iso de «Esmorga», e tamén ás que volveron unha e outra vez porque aquí sentíanse na casa.

Grazas tamén ás institucións, patrocinadores e colaboradoras que creron neste proxecto dende o principio.

Sen o voso apoio, esta aventura non sería posible.

E unha última grazas a quen, dende detrás do escenario, facedes que a música soe máis forte.

Unha aperta enorme de parte de todo o equipo do Esmorga Fest…

e Infinita Esmorga 🖤.